viernes, 19 de noviembre de 2010

XAQUÍN LERA, O XOGRAR



XOSÉ M. RIVAS TROITIÑO

Escoito con verdadeiro deleite palabras e música que soan auténticas. É o disco Sinfonía de ranas (Puro vinilo), presentado en Santiago. É todo obra do corcubionés Xaquín Lera, un xograr de ampla produción, artista completo, que fixo famosos a moitos, mentres el permanece nun inxusto segundo plano. Na praza da Quintana, Joaquín Sabina fíxoo subir ao escenario para proclamar: este é o home que me ensinou a escribir cancións. Alberto Cortez, Manolo Tena, Ruben Blades, Mocedades, Sergio e Estíbaliz cantaron temas seus ou compartiron cartel por medio mundo. Viaxeiro impenitente, confesa que a súa inspiración é sempre Galicia. E en galego publicou Lixeiro de equipaxe (2002).
A súa poesía é sinxela de expresión, pero profunda de contido. Luís Alberto de Cuenca, con quen compartiu disco, recoñece que se non existisen individuos como Xaquín, nunca escribiría un só verso. Porque valora nel a emoción poética, froito da sinceridade, a claridade, a técnica e a sensibilidade.
Percíbese todo ese mundo exquisito en todos os detalles da súa ampla produción, que supera xa os 20 discos, libros-discos, música para películas, documentais e outras obras. En Santiago, con Sinfonía de ranas presentou Flores de papel (LapizCero edicións), que me recorda moito a Alberti. É unha letra tranquila, sobre o mundo de cada día, pero con sensibilidade. Se Sabina o recoñece como mestre, é lóxico atopar ese estilo na primixenia obra de Lera. É inxusto que un artista que fixo tanto en e pola música en lingua española de tantos cantautores, conxuntos e cantantes, non teña o recoñecemento que lle corresponde. Xaquín é afable, xeneroso e entusiasta, que goza facendo poemas e música, e a mercadotecnia moderna require outros tempos, ademais da creación.
Eu seguirei gozando da arte deste moderno xograr que naceu en Madrid pero levárono a Corcubión aos tres días e fíxose bohemio. Pero non foxe da crítica social, aínda que sabe facelo con dignidade e mestría. Como En un campo de amapolas, onde denuncia as minas antipersoas: un niño juega/ en un campo de amapolas/ sin saber lo que le espera/ debajo de las botas/ una madre que lo adora/ y se quedará sola/ porque no volverá nunca/ se lo llevará una bomba/ que unos locos por dinero/ fabricaron y vendieron..

No hay comentarios:

Publicar un comentario